14/10/16

Comunicado de prensa: Esperpento na UNESCO


Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) queremos manifestar a nosa condena e o noso máis radical rexeite á resolución aprobada onte pola UNESCO (24 votos a prol, 26 abstencións e 6 en contra) na que de xeito delirante négase o vencello histórico do pobo xudeu cos seus lugares fundacionais en Xerusalén, nomeadamente o Monte do Templo (Muro das Lamentacións).

Evidentemente a UNESCO podería de igual xeito aprobar por “maioría” que o Sol xira ao redor da Terra, que a Terra é plana, que as Pirámides non teñen relación con Exipto ou incluso que a Catedral de Santiago non ten relación histórica, cultural e relixiosa con Galicia e tería o mesmo rigor científico e histórico da resolución aprobada onte por iniciativa de varios estados musulmáns: Exipto, Alxeria, Marrocos, Líbano, Omán, Catar, Sudán e a Autoridade Palestina.

Ninguén con honestidade intelectual pode dubidar de que o pobo xudeu ten vencellos históricos, nacionais, culturais e relixiosos coa Terra de Israel. Calquera intento de negar estes vencellos é unha burda terxiversación da ciencia. Que a UNESCO incomprensiblemente estea a botar unha man en tal terxiversación é un tráxico testemuño do penoso estado actual das institucións da ONU.

A conexión xudía con Xerusalén foi unha constante desde a antigüidade até os tempos modernos. Durante máis de 3.000 anos esta conexión xogou un papel fulcral e sustentador na historia do pobo xudeu, política, nacional. espiritual e culturalmente.

Xerusalén tamén é innegablemente parte fundamental no desenvolvemento da Civilización Occidental, e a resolución aprobada pola UNESCO atribúe só ao islam ese vencello con Xerusalén, negando tamén esa fonda raigame cristián cos Santos Lugares da capital de Israel.

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) e como cidadáns e contribuíntes -e xa que logo financiadores a través do estado español do orzamento da UNESCO-, recomendamos vivamente á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) que atenda aos moitos e importantes temas e retos que ten pendentes no mundo. Porque cando este organismo foi fundado pola comunidade internacional en novembro de 1945 déronselle coma obxectivos contribuír á paz e a seguridade no mundo mediante a educación, a ciencia, a cultura e as comunicacións. Precisamente todo o contrario do que representa a vergoñenta resolución aprobada onte.

Vigo 14 de outubro de 2016 
www.amizadeconisrael.org