25/11/16

Vigo e Santiago: estrea da ópera dos nenos xudeus no campo de concentración de Terezin



Asistirá unha sobrevivente deste campo de concentración, onde o seu autor representouna 55 veces.
Hans Krása.

Por Nadal, a Asociación de Amigos da Ópera programa "Brundibár", unha obra infantil cunha conmovedora historia detrás. O seu compositor, o xudeu checo-alemán Hans Krása, compúxoa en 1938, pero a invasión nazi de Polonia impediu a súa estrea, até o inverno de 1942, nun orfanato de Praga. O autor, deportado ao campo de concentración de Terezín con outros intelectuais xudeus da época, representouna alí en 55 ocasións para entreter aos nenos prisioneiros e que conseguisen facer voar a súa imaxinación. Á súa representación en Vigo, o 18 de decembro, asistirá unha destas, das poucas que sobreviviu ao holocausto nazi.

Esta produción é unha colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo coa súa homóloga de Santiago, onde será representada o día anterior. A ópera de Krása, con libreto de Adolf Hoffmeister, foi traducida ao galego por Katerina Vlasakova, da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da embaixada da República Checa en Madrid. Fernando Reyes e Cándido Pazó encargáronse da adaptación musical. Este artista polifacético vigués tamén se fará cargo da dirección de escena e dun monólogo introductorio. A Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela, dirixida por José Luís Vázquez López, porá as voces e, a Orquestra Praeludium, a música, baixo a batuta de Mateo Igrexas Seoane.

Esta ópera conta a historia de dous irmáns que necesitan mercar leite para a súa nai enferma, pero non teñen diñeiro. Para conseguilo, deciden imitar a Brundibár, o oganilleiro do pobo, pero este bótaos fóra da praza. Un gorrión, un gato, un can e o resto dos nenos axudaranos a logralo. Os menores de Terezín interpretaron estes personaxes máis de medio cento de veces.

Terezín, a 60 quilómetros de Praga, era unha antiga guarnición militar situada en Checoslovaquia que foi convertida polos nazis nun campo de concentración no que se confinaba a políticos, artistas, anciáns e nenos xudeus. Moitos deles foron trasladados logo a Auschwitz-Birkenau, como o compositor Hans Krása, ao que mataron na cámara de gas ao chegar.

Calculan que por este campo pasaron 15.000 nenos, para moitos dos cales esta representación supuxo unha vía de escape para a súa imaxinación, como se recolleron en numerosos debuxos. O diplomático da embaixada da República Checa en Madrid Stanislav Skoda, traerá algúns destes debuxos a Vigo con motivo desta actuación.