26/05/17

Presentación do libro "Arístides de Sousa Mendes" en Ribadavia


O vindeiro venres 2 de xuño ás 20:30 horas terá lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia a presentación do libro de Vicente Piñeiro: "Arístides de Sousa Mendes, o Schindler portugués". A entrada ao acto é libre.

Nesta peza literaria, Vicente Piñeiro entra no terreo do reino da conciencia do protagonista, no seu maxín, nos seus sentimentos máis profundos, no descoñecido ate o de agora; entra naquela habitación na que desde o día 13 ate o 17 de xuño de 1940, o cónsul de Portugal en Burdeos, Arístides de Sousa Mendes péchase antes de decidirse a asinar miles de visados e salvar a vida a 30.000 xudeus, desobedecendo todas as instrucións explícitas do seu goberno. Posteriormente foi expulsado do corpo diplomático portugués e morreu na miseria e no esquecemento. En difinitiva, o aquí escrito é un relato da existencia, dun tempo interior e a súa relación co tempo real. Unha xuntanza de tempos, de monólogos interiores e de fluxos da conciencia. En 1966, Yad Vashem de Xerusalén nomeouno "Xusto entre as Nacións".