24/08/17

Derruba Israel escolas palestinas por sadismo?


En relación á nova que podedes ver na imaxe, e que apareceu publicada en diversos medios, aclarar que os módulos construídos con financiamento da Unión Europea non foron "derrubados", foron desmantelados e retirados. 

Indicar tamén que esta construción estaba segundo os vixentes Acordos de Oslo asinados entre Israel e a Autoridade Palestina na denominada "Zona C" de administración israelí. Isto quere dicir que para poder levar a cabo unha edificación é preciso ter o permiso necesario expedido pola Autoridade Civil israelí.

Estes módulos desmantelados non só non tiñan os permisos de edificación senón que recibiran ordes reiteradas de paralizar a súa montaxe e construción.

Pero os promotores fixeron caso omiso as comunicacións oficiais que ordeaban a paralización da construción mentres esta non tivera licenza administrativa. Con certeza os promotores da construción o que buscaban a mantenta era a fotografía do "malvado soldado israelí destruíndo unha escola e deixando a cativos palestinos sen aulas". Sen dúbida os promotores utilizaron aos rapaces como “señuelos” e a Unión Europea como amplificador da repercusión da nova.

Pódese construír? Por suposto. Pero é preciso ter licenza e non se pode edificar onde a un boamente lle pete, cando lle pete e como lle pete.

Un exemplo: Poñamos por caso que o Estado de Israel por medio do seu Ministerio de Cultura fai unha doazón para subvencionar a construción dun edificio como sede en Galicia da nosa Asociación. Implicaría isto que AGAI podería construír en calquera lugar e sen ter licenzas nin autorizacións?

Por suposto que non. Pois en Israel tampouco.

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel lamentamos a situación que afecta aos cativos, vítimas da irresponsabilidade dunhas organizacións que os utilizaron coma armas políticas para lanzar mediaticamente contra Israel.

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel desexamos que a situación se resolva o antes posible e os nenos e nenas poidan estudar sen ser utilizados politicamente.